Saturday 18 de May de 2024

Sanidade comprométese a seguir traballando, innovando e investigando no eido da esclerose múltiple


En Galicia, 9 persoas son diagnosticadas cada mes desta doenza e, en total, estímase que hai 2.700 afectados

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña comprometeuse na clausura dos IV Encontros de Esclerose Múltiple, a seguir traballando, innovando, investigando e prestando unha atención de calidade, multidisciplinar e integral a todos aqueles pacientes que padecen esta patoloxía.

Nos últimos anos, o avance continuo en investigación biosanitaria posibilitou acadar un aumento do diagnóstico precoz e un desenvolvemento de novas terapias máis eficaces que permiten controlar os síntomas e axudar ao doente a manter una calidade de vida normal.

Prevalenza da enfermidade
En Galicia, 9 persoas son diagnosticadas cada mes de esclerose múltiple e, en total, estímase que hai 2.700 afectados. Trátase da enfermidade neurolóxica crónica máis prevalente e tamén a causa de discapacidade de orixe neurolóxico máis frecuente en adultos mozos en Europa.

España é considerada unha zona de risco medio-alto con 47.000 persoas que padecen esta doenza. Neste senso, os últimos estudos mostran unha prevalenza de 75-80 enfermos por cada 100.000 habitantes. Por este motivo, “desde o punto de vista da súa repercusión social e sanitaria, é evidente a importancia desta patoloxía”, afirmou Almuiña.